O vindeiro martes 22 de xuño ás 20.00h no Salón de Actos do Hotel
Araguaney preséntase en Santiago de Compostela Os eidos. Libro del
Caurel na edición bilingüe da editorial Árdora (
www.ardora.com).
Participan José Luis Gallero (editor), Lupe Gómez (poeta),Herminio
Barreiro (escritor) e Ignacio Castro (filósofo).
“É case un tópico dicir que Os Eidos, Libro del Caurel, é un texto
senlleiro na poesía galega dende fai cincuenta anos, parte e retorna a
un mítico lugar natal. As rochas, a toponimia, a rotación das
estacións resoan como estados de ánimo dun ser vivo chamado Terra”,
escribe Ignacio Castro no prólogo desta primeira tradución ó castelán
da obra capital de Uxío Novoneyra (1930-1999). O poeta lucense
entrenza nos seus versos a tradición galaica e oriental, alumeando
composicións emparentadas cos haikus, non só pola súa brevidade, senón
polo seu maxistral equilibrio entre o sensible e o abstracto.
Novoneyra non traballa coa especialidade da linguaxe, senón con algo
elemental, próximo ó incomunicable, que presta atención á vibración
das cousas humildes e as ama na súa inevitable finitude.