logo_u
Poemas
Porta Xorda 1966 (Poema sonorizado)

Porta Xorda 1966

PORTA xorda cravada a forza que o pulo sabe!
Dente puño teso a premer valeiro!
Cando volva o vento
Serás ti Libertá ou soamente abalar de árbores?

Rota a corda que tempera a forza do sino
Un pobo enteiro rébrese no tempo
Folga Xeral contra da Historia.

Compría agouxarse en calquer ichó
Mais seguín fora a xistra
Velando norde estrela longa brillo atuido.
Alguén chama. Alguén agarda
Corazón tente
Sostén a gran nembranza.

 

GALICIA digo eu ún di GALICIA
GALICIA decimos todos GALICIA
hastr’os que calan din  GALICIA
e saben      sabemos

GALICIA da door   chora á forza
GALICIA da tristura    triste á forza
GALICIA do silencio  calada á forza
GALICIA da fame       emigrante á forza
GALICIA vendada     cega á forza
GALICIA tapeada   xorda á forza
GALICIA atrelada   queda á forza

libre pra servir   libre pra servir
libre pra non ser  libre pra non ser
libre pra morrer  libre pra morrer
libre pra fuxir   libre pra fuxir

GALICIA labrega  GALICIA nosa
GALICIA mariñeira  GALICIA nosa
GALICIA obreira  GALICIA nosa
GALICIA irmandiña
GALICIA viva inda

 

recóllote da TERRA  estás mui fonda
recóllote do PUEBLO estás n’il toda
recóllote da HISTORIA estás borrosa

 

recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote pros novos que vein con forza
pros que inda non marcou a malla d’argola
pros que saben que ti podes ser outra cousa
pros que saben que o home pode ser outra cousa

sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa

 

CUMES CUMES CUMES COM’ESTES ECHEN
UNHA VEZ POR CADA MORTE

VIETNAMMMMMMMMMM
VIETNAMMMMMMVIETNAMMMMMMMMMM
VIETNAMMMMMMMMMM

metan na casa a verba na cociña na mesa        na cama xa está
e calar calarcalaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaarrr
hastr’o berro que te acusa  USAUSAUSAUSAUSAUSAUSA

un
morto
dous mortos
tres / trinta mortos
trescentos / tres mil mortos
OFENSIVA DO TEIT 22000 / 100000 mortos
tódalas os se volven ceros 00000000000000000000
baixo de cada un 10 / 100 / 1000 / 10000 mortos á máquina
difuntiños que a noite acolle entre cañas baixo o torbón
do monzón
na lua do TEIT

dá vergonza vivir
dá vergonza estar vivo e ver a PRIMAVERA

 

cándo remata un pobo?
un pobo nace sempre
non remata nuncanuncanuncanuncanuncanuncanunca

seino por vós
pobo como o meu
GALICIA pequeniña
sola cousa de todos

mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos caindo polos teletipos
lúas de LI PO afondadas pra que a lus seña a A de
LIBERTÁAAAAAAAAAAAAAAAAAA

ouh cánto teño de vós pequeno que son de esta paz morta

noitenoite
partir esta n / o / i / t / e en anacos
que en cada un só quepia un home
en

entran nas cidades do SUL ESTE    lonxe
e xa todas son a aldeiña dó lado
HUE SAIGON DANANG
con irmaos e parentes meus
galegos de a diario
mais que nono esqueceron como nolo esquecemos
tanto que ás veces perto chaman home
e
ollamos por quén.

non son eu tamén
quen eiquí quedo
que estou matando eilí
luxando GALICIA como luxan
KANSAS NEW JERSEY CALIFORNIA COLORADO
IOWA
nomes tan limpios?

perdón por esta paz
PAZ en carteles xunto a COCACOLA
PAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZ
pra tapar tanto tanto
muro

valeiránnolos nomes
mais inda
indainda pobo
podo decir o teu con forza
inda se pode decir o teu nome dos que alá cain
podemos

deles temos de novo nome:
home pobo
/ MARÍA MARIÑO  dinamiteira da FALA /
home- pobo
home- pobo

aquíl por siglos foi un pobo como é o meu
o meu por anos foi un pobo como é aquíl

IRMANDIÑOS DE GALICIA VIETCONG

entre miña mai  ANA amos  iles
entre iles  amor   ANA     ti
tres estudiantes en LUGO  sin os nomes
en VIGO     MÉNDEZ FERRÍN     co’il
e vós         MARÍA MARIÑO         CHÉ bágoas 1967

non
eu sei que cantar non é igoal
perdón tamén por iste tempo cas palabras
anque sinceiras tein tarde polos lados
e puntos suspensivos calcados do refrigerados dun cañón

……………………………………………………………

o canto parou sin rematar

 


ELEXÍA ISTANTANIA A ERNESTO GUEVARA

AS aves da tua morte foron os muricegos que non vira
en todo o ano.
Por iles soupen que é certo.
É certo! é certo! é certo! é certo! é certo!

Ás palazadas por dúbida entre certeza quer vir o pranto
como o peso de prumas inda quentes dos derradeiros pa-
xariños mortos
de tódalas anduriñas que cairon ó irse.

Como os homiños morren os éroes
non se funden Os Andes nin nada.
A mesma door xa afroxa a gorxa ó decorrer polo pranto
baixiño.
E nin inda agora nin pra ti teño outra voz.

10 noite
10/10/67

 



SE o pasado é pasado
i o presente é o urgente
por qué inda busca a xente
aquil soño clausurado?

Vido visto ben Santiago
i esa cuestión non resolta
fago camiño de volta
camiño de volta fago.

Camiño de volta fago
volvo do cabo do Mundo.
Terra sólo en ti me fundo:
é a certeza que trago.

 



LIBERTÁ chamas nos ollos tristes nas caras do METRO
nos que xa perderon o futuro e ganan o pan con sobresalto
na gran cidade nos tesos cumes i en todo o silencio preguntando.

Vélante os xóvenes
i os que saben da morte e xuntan inseguranza e desamparo.
Cando vexo un neno penso en ti
e si oio un bruído sin nome coido que ti chegas i acude todo o sangre.

Todo bruído sin nome é un agoiro.

Madrid / O Courel
1962- 1964

 

PASADAS tódalas Francias
por Ocitania ou Gascuña
ou de París a Iruña
xa diluídas distancias.
A Aragón por Cataluña
ou polo Norte por Son.
En pasádalas Navarras
as cadeas e as barras.
Pasados León e Castela
por Castela a León.
En pasado Monte Irago
e xa en Lingua de Galicia
Ponferrada e Vilafranca
deixando a chaira estanca
enas mesmas portas dela.
O Valcarce e sin perguicia
/ as penas de garamela /
apeitar para o Cebreiro
polo marcado carreiro
que a neve volve vago.
Encarar o porto incerto
o longo cerengo aberto.
A un lado i autro del
todo o horizonte en vela
os Ancares i o Courel.
Pasada Triacastela
do Iribio as faldras fago.
E por Samos Sarria a Lugo.
Oh Lugo a ti me adugo
e solo por ti me arredo
que ben mereces desandes!
Ver a Ponte a antiga vía
a Muralla a Catedral
de Dona Santa María
o Coro e o Grial.
E ver fincadas rezar
coma co antigo medo
poñer a súa alma núa
didiante dos Ollos Grandes.
E despois de rodear
de rodear e de estar
que non se fai o Camiño
solo para o rematar
cruza e debruza no Miño:
Portomarín sulo lago.
Palas Melide Arzúa.
E logo xa Compostela
/ Monxoi! Eoi! Ei Santiago! /
e párame á vista dela
mirar como eu o fago.

1993