| Homenaxe no Courel - Isidro Novo |
|
|
Achégome aquí en calidade de amigo de Uxío, pero circunstancialmente tamén como representante da Asociación de Escritores en lingua Galega porque o noso presidente, Cesáreo Sánchez, non puido desprazarse, como era a súa intención, debido a unha gripe que o indispuxo antonte. Así e todo, encareceume que lle presentase honras, e así o fago, a este poeta que dende o seu balcón do Courel foi quen de darnos unha nova panorámica do Universo. Unha panorámica que está completamente vixente e coa case totalidade das expectativas aínda por cumprir a día de hoxe.Presentarlle honras pola achega que nos fixo co seu talento, pero tamén darlle as grazas polos servizos prestados, pois se a Asociación de Escritores celebra este ano o seu 30 aniversario, durante máis da metade da súa existencia, 17 anos exactamente, estivo Uxío Novoneyra presidíndoa e prestixiándoa. Grazas, pois, tamén por iso, en nome de todos. E polo que toca a miña amizade con Uxío, soamente direi que sen coñecelo a el, o sentimento poético máis sutil e elevado, ese fío tan sumamente delgado que el era capaz de ver e de enfiar na agulla do verso, quizais me pasara desapercibido. Un sentimento poético que estaba unido, sen ningún aderezo, ao seu sentimento humano. Por iso, por ser tan humanamente poeta, grazas, Uxío. Isidro Novo |


Achégome aquí en calidade de amigo de Uxío, pero circunstancialmente tamén como representante da Asociación de Escritores en lingua Galega porque o noso presidente, Cesáreo Sánchez, non puido desprazarse, como era a súa intención, debido a unha gripe que o indispuxo antonte. Así e todo, encareceume que lle presentase honras, e así o fago, a este poeta que dende o seu balcón do Courel foi quen de darnos unha nova panorámica do Universo. Unha panorámica que está completamente vixente e coa case totalidade das expectativas aínda por cumprir a día de hoxe.