NOVONEYRA AO NORTE - Héitor Picallo Fuentes PDF Imprimir
Bo día a todos e a todas:

Porque a forza da terra demóstrase aquí, nos cumios da Galiza, no ar que acariña os outeiros redondeados, tal puños pechos que se erguen como cons entre a brétema, aquí nas entrañas do “Courel dos tesos cumes”... porque o impulso, o chimpo e a tensión fican embaixo dos pés, raiceiras que terman do chan telúrico, ao son destes ventos que Novoneyra respirou e inspirou a súa poesía patriótica, non da paisaxe e si da Terra, materia existencial e existencialista dos oleiros que acariñamos cos dedos a arxila da Identidade... Porque a Lingua, a Nosa, a de Novoneyra, a de Xohán Xesús González, a de Castelao e Rosalia, a de Helena Villar Janeiro, Marica Campo, Xosé Lois García... e a de centos de nais e pais da nosa terra fai ciclar a arxila nos ritmos do Tempo para seguirmos a modelar, que non axustar, a esencia-materia do que resiste e existe baixo a estrela do pobo: A Patria; a Terra de Novoneyra que busca non só a autodeterminación e a soberanía, senón a plena independencia, a fenda do grillón e da cadea que nos amarra dende lonxe.
Nación de Novoneyra, a nosa, amiga e irmán de esoutras que se curvan en arco ao redor do globo orbe, na busca de brazos que nos irmanden en solidariedade internacionalista, sen superiores nin inferiores, sentados todos no equilibrio da balanza e na rectitude do péndulo.

Socialismo e marxismo... Fouce e Estrela... lonxe do crucifixo e do dogma que sucumbe na resignación das tebras e soterra a luz da realidade: resistencia que fai eco nos outeiros (na vertical), da idea lanzal de sermos nós, de sermos donos do noso. E rezaremos, abofé, no tempo chegado, un único cántico profano, unha simple e condensada Letanía chamada Galicia, espiral de razóns que converxen no pobo, que o rescatan e coroan aos altares da dignidade.

Porque aínda hoxe seguimos a ser Peles Negras (Peau Noire)... negros na colonia arrebatada polos brancos... negros na sucursal dos nativos que, cordialmente revestidos de transixencia lingüística, se enmascaran coas Carautas Brancas (Masques blancs) daqueles que rouban os espíritos da identidade e que nos furtan a palabra, para sementar discordia e caos. Xa que, como sabedes, irmás e irmáns, nas gándaras do Hórreo non están polo labor, están polo acomodo ao molde españolista e tamén globalizante, buscan o solpor da nación para ingresala definitivamente no reino do ocaso, acaso o seu reino, lonxe da República dos Soños por todos degorada. Hoxe, precisamos o teu acento, Novoneyra, que estás neste puñado de terra que escorrega entre os dedos e se fai arxila e consciencia coa suor das mans, para recordarnos, novamente que “hai que estar si (...) con Galicia”, xa que “non se pode dicir que se está” con ela “cando non se sinte a responsabilidade da pervivencia da nosa lingua”.

Mais nos cumios do mundo da tribo galega ecoa o teu verso, Novoneyra, e os chamamentos á defensa da Terra, do Idioma, da Esencia e Existencia do Pobo. Pois como bardo dixeches, Galiza debe ser Galega, xa que “todo galego de toda ideoloxía que se implique en responsabilidades do común, ten que ter a responsabilidade da nosa lingua, da nosa cultura, que son o máis fondo (...)”.

Porén, non estaremos sos e orfos, NON... Protexerannos os espíritos dos nosos deuses e heroes: Bandua, Navia, Reva, Edovio, Bero Breo e outros, e dende o horáculo do Courel uniraste Novoneyra, e canda ti unha maré de mans fendidas polo traballo na identidade que chega até o mar Atlántico e racha en escuma libertaria: Manuel María, Fole, Faraldo, Castelao, Manuel Antonio, Bóveda... e milleiros de seres anónimos que, tal xira o torno do oleiro, fixeron espirais de terra na xenese das palabras. Non estamos sos, porque os temos a eles, xunto á nosa voz, e á nosa intransixencia con quen despreza o que os antergos desta nación crearon para faceren ouro da palabra. Velaquí a pedra filosofal, a alquimia que xeración tras xeración entregaron os galenos do verbo para herdanza e existencia do común:

Novoneyra á fronte...
coa fouce e a eixada... nas uceiras;
Novoneyra eido adiante...
e que roxa a folla nos carreiros;
Á fronte... Novoneyra
coa estrela do norte no maxín;
Novoneyra á fronte...
ao asexo entre os outeiros e penedos,
Á fronte... Novoneyra
protexido por Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín...

Héitor Picallo Fuentes
(09-05-2010)