| HOMENAXE A UXÍO NOVONEYRA 9 DE MAIO DE 2010 NO COUREL XOSÉ LOIS GARCÍA |
|
|
Vamos dar comezo a este acto de irmandade novoneyreana, convocado pola web uxionovoneyra.com que desde o trinta de outubro de 2007 até a actualidade estivo demandando apoios para que o Día das Letras Galegas de 2010, fose dedicado a Uxío Novoneyra. Mais de mil persoas responderon á proposta e facendo posíbel que Uxío Novoneyra non fora esquecido por longos anos como acontece con outros literatos, merecentes de homenaxe por parte da Real Academia Galega. Grazas a todos pola vosa actitude e sensibilidade que vos fai protagonistas de que o noso poeta reciba merecidas homenaxes en Galiza e en todos as Galizas da diáspora. Grazas a todos os que vindes dos confíns da nosa Terra para testemuñar e recoñecer o valor persoal e creativo de Uxío Novoneyra. Moitas grazas a familia Novoneyra que permitiu a esta web facer o seu traballo dunha maneira libre e sen interferir en decisións que tomamos os organizadores deste portal sobre os diversos temarios que nel se ofrecen. Grazas ao escritor Isidro Novo e ao profesor Orlando Gregorio, que desde Lugo e desde o Courel, respectivamente, axudáronnos a facer xestión decisiva que sen as mesmas non poderíamos realizar este acto. O noso mais sentido agradecemento ao Vicepresidente da Deputación de Lugo, D. Antón Bau, pola súa dispoñibilidade e incondicional apoio que prestou a este acto. A nosa gratitude a Dona Lola Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel polas súas colaboracións prestadas puntualmente. Agora toca presentarnos aos que estivemos á fronte desta web. Moitos coidaron que os organizadores eran bastantes persoas. Pois non, soamente dúas, este gaditano de Tarifa, Fernando Galindo Ortiz e mais un servidor, Xosé Lois García. Fernando, técnico informático e compañeiro de traballo na función pública, foi o que montou a páxina e o que a deseñou e responsábel do proceso técnico e eu na parte loxística. Este proxecto sería ridículo sen o apoio considerábel e indiscutíbel que prestaron todos vostedes co seu voto que entregamos ao Presidente da Real Academia Galego o pasado ano 2009. Inmensas grazas. Estamos nos rentes da casa da Fonte de Parada, onde fai oitenta anos naceu Uxío Novoneyra. Estamos neste microcosmos onde un dos mais grandes poetas que deu Galiza comezou a ollar todo este portento de serras, vales e forestas; aquí nesta casa o noso poeta comezou asumindo o basto universo do Courel. Esta casa foi para Uxío a súa primeira Matria, que o dimensionou a recoñecer e defender a Galiza como a única Patria dos galegos. El dixo desta súa primeira Matria, no poema titulado, “A casa de Parada”: “A casa de pedra e cal vella/ -solaina e ventanas prá serra-/ feita fai cen anos á miña maneira”. Noutro poema incidiu: “CASA grande máis grande nas tardes./ Paredes lampas./ Cántas veces teño quedado fora da hora/ levado por todo ou nada”. No interior da casa Uxío foi unxido pola tradición da fala a que nunca renunciou; polos costumes potenciados e protexidos por múltiples xeración que no Courel fixeron Patria comunal. Uxío mantivo esa comuñón co pasado irrenunciábel, amando as cousas e os xestos da primeira patria, a casa, que fai nación. O noso poeta non vulnerou a tradición, non traizoou o peso da memoria, onde o acento puntual dos antepasados ten presenza, así o confirmou neste poema: “ANDO limpando a casa de cacharros e trastos/ lacenas e faios sin deixar rechubazo./ Ando a tocarlle as maos ós antepasados”. Uxío mostrounos toda esa simbiose entre a casa familiar e a casa comunitaria, en seus contexto nacional, e a obriga filial da cidadanía a amparala. El o ilustrou neste poema: “BRANCA Uxío e Arturo/ quedaranse no Futuro/ quedaredes no Futuro/ pre que siga o Pasado/ e ti Galicia a durar/ anque se funda o lousado/ e caia a neve no lar:/ Anque se funda o lousado/ e se descubra o faiado”. Estamos aquí co poeta en seu celme, en súa primeira dimensión estrutural e metafísica. A terra telúrica do Courel. Lembro que desde aquela fiestra do medio, dicíame Uxío: olla ese teso, é o da Pinza, non podes imaxinar cantas frecuencias de cambios ofrece a meus ollos e cantos sentimentos provocan aos que o observan, el fala nunha linguaxe moi particular”. Aquí no Courel aos altos cumes chámanlle tesos. Cánta observación, canto sentimento e canta palabra puxo Uxío no rescate do seu medio. Cada herbiña, folla árbore están codificados na súa poesía. Parece que toda esta vexetación que cubre os promontorios do Courel escollera a voz de Novoneyra, como alegato ante os que a ignoran, a desprezan e a depredan. Uxío en un só verso significou o mais entrañábel da realidade e personalidade do Courel, ao dicir: “Eiquí sempre foi bosque”. Si! Sempre foi bosque amado e respectado por seus habitantes. Estes espazos naturais non tiveron cicatrices como as que as canteiras provocan. Ou tantas outras especulacións de intereses turbios que certas administración consenten a explotación desta xeografía nosa que tanta personalidade lle dá ao resto de Galiza. As especulacións que está sufrindo actualmente o Courel ten varias caras destrutivas, desde as canteiras até a introdución dunha flora allea á autóctona. Novoneyra xa o advertiu, sentenciou e denunciou en varios dos seus libros. Uxío foi un naturalista e un conservador da flora e da fauna do Courel, seus poemas exaltan o portento deste espazo que ten que ser protexido como a comunidade veciñal do Courel o fixo por secula seculorum. Mais a tradición desa fraternidade comunal, poderosa e emancipadora, do que somos e seguiremos sendo os galegos, reside na lingua. Uxío Novoneyra o proclama nesa súa teimosía reivindicativa, cando di: “A Fala é o único sitio onde seguen vivos os antepasados, a única forma audible de supervivencia. Quizais por isto a Lingua ten esa cousa que ten, ademais de valer para a comunicación. Certamente que ten algo. É onde queda, porque claro, hai unha memoria persoal, e logo, despois da morte aínda queda a memoria dos que trataron os individuos e logo despois a Lingua é a única memoria que queda, é dicir gravada e en circulación”. Pois esa memoria en circulación que el defendeu con puntual coherencia está ameazada e instrumentalizada polos que teiman en homologarnos a outro respiro que non é o noso. Tratan de liquidar a nosa lingua para esmagar a nosa identidade. Se Uxío Novoneyra asistira hoxe a todo ese espectáculo manipulador que a administración da Xunta está arremetendo contra o mais apreciado atributo da nosa nación que é a lingua, el ademais de ser transparente contra eses castradores das nosas esencias, volvería a lembrarnos estas palabras: “¿Quen non rexeita os fríos manipuladores da Lingua de calquer índole, os deformadores da Patria? Os enlatadores da identidade. Por qué a Lingua é sagrada, é o único que queda de tódolos nosos mortos, a única forma de inmortalidade longa”. E nestes momentos en que a confusión é a carta servida polos depredadores do noso idioma, a palabra de Novoneyra resoa neste reclamo de unión e clarividencia, cando di: “Certamente a responsabilidade da Lingua é de todos, non só dos escritores en Lingua Galega nin dos nacionalistas defensivos ou críticos. A todo galego, sexa de partido que sexa, incumbe a responsabilidade da supervivencia da Lingua e a reivindicación da dignidade nacional de Galicia e o dereito de autodeterminación, recoñecido nominalmente para tódolos pobos”. Longa vida as palabras de Uxío Novoneyra. Longa vida a este Courel marabilloso. Moitas grazas. XOSÉ LOIS GARCÍA |


Vamos dar comezo a este acto de irmandade novoneyreana, convocado pola web uxionovoneyra.com que desde o trinta de outubro de 2007 até a actualidade estivo demandando apoios para que o Día das Letras Galegas de 2010, fose dedicado a Uxío Novoneyra. Mais de mil persoas responderon á proposta e facendo posíbel que Uxío Novoneyra non fora esquecido por longos anos como acontece con outros literatos, merecentes de homenaxe por parte da Real Academia Galega. Grazas a todos pola vosa actitude e sensibilidade que vos fai protagonistas de que o noso poeta reciba merecidas homenaxes en Galiza e en todos as Galizas da diáspora. Grazas a todos os que vindes dos confíns da nosa Terra para testemuñar e recoñecer o valor persoal e creativo de Uxío Novoneyra.